Friday 17 de May de 2024

Ricardo Seixo presentou en Vila Concepción o seu poemario, ‘Ollares’


O salón de actos de Vila Concepción encheuse de poesía e música na presentación da obra

O concelleiro de Cultura de Cambre, Daniel Carballada, e o concelleiro de Deportes, Brais Cubeiro, asistiron á presentación do libro “Ollares… no fondo da retina… na paisaxe dos afectos” que tivo lugar onte no Salón de Actos de Vila Concepción e que contou coa presenza do seu autor, Ricardo Seixo.

O acto estivo formado por un recital poético en que o numeroso público asistente leu poemas do autor, seguido dun pequeno relatorio en que Ricardo Seixo conversou sobre as motivacións que o levarn a escribir o libro e que se atopan detrás de cada poema.

Ollares divídese en dúas partes. Na primeira, No fondo da retina, o autor amosa escenas, mentres na segunda, Ollares… na paisaxe dos afectos, Seixo percorre o álbum das súas lembranzas e adícalles os seus versos a persoas que deixaron pegada na súa vida.

Como colofón, o evento pechouse cun reciltal musical en que o propio autor, acompañado de dúas cantareiras, fixeron un breve percurso sobre cantigas tradicionais galegas e portuguesas.